Monday 13 de May de 2024

Brión Solidario” pon en marcha a terceira campaña de recollida de alimentos polo Nadal


O Concello fai un chamamento especial de cara á participación de agrupacións, asociacións e empresas do municipio

O Concello de Brión pon en marcha, por terceiro ano consecutivo, a campaña especial de Nadal de “Brión Solidario”, co obxectivo de recoller alimentos para as familias máis vulnerables do municipio. Unha iniciativa que vén contando co inestimable apoio dos veciños e veciñas de Brión nestes últimos anos, unha veciñanza que intensifica a súa colaboración nestas datas especiais do Nadal pero que fan gala da súa solidariedade doando alimentos ao longo de todo o ano.

Por iso, este ano o Concello de Brión fai un chamamento especial á colaboración das agrupacións, asociacións e empresas do municipio. Para participar na campaña dispoñen de dúas opcións: achegar alimentos non perecedoiros ou realizar achegas en metálico, que se poden entregar ben no supermercado Froiz de Monte Balado ben a través da Tesourería municipal, que lles facilitará o correspondente xustificante de ingreso. Dende o Concello de Brión xa se enviaron as correspondentes cartas ás empresas e entidades do municipio animándoos a colaborar na iniciativa.